terça-feira, 27 de setembro de 2011

ESPECIAL LOIS PEREIRO

Alumnos/as de OIE, 3º e 4º da ESO

Curso 2010-2011


O 17 de maio é o día das Letras Galegas, no que se homenaxea a importantes escritores galegos. Neste ano 2011 o homenaxeado foi Lois Pereiro, poeta e escritor galego que naceu en Monforte e falecería aos 38 anos na Coruña pola enfermidade do aceite de colza adulterado, doenza que provocou numerosas mortes en todo o Estado.

No IES FONTEM ALBEI levamos a cabo unha actividade conxunta entre profesorado e alumnado para recordar, e tamén coñecer mellor, a este destacado personaxe da nosa literatura. O proxecto consistiu en gravar un programa de televisión que tivera como tema central a figura de Lois Pereiro. Para este fin o primeiro que fixemos foi buscar información sobre este autor tanto en internet como na biblioteca, onde so existía un poemario. O feito de térenselle dedicado as letras galegas serviu para que a biblioteca se fixese coa case totalidade da súa obra e estudos sobre o autor homenaxeado.

O programa foi ideado como un especial que abordase a figura de Lois, con dous presentadores e varios reporteiros que nos achegasen aos diferentes aspectos da súa vida e obra. Pouco a pouco, a partir da elaboración dun guión inicial, a idea inicial foise transformando e adquirindo un carácter máis desenfadado e menos denso con toques de humor que aportaron frescura e dinamismo ao conxunto.

Así pois, o especial empeza cunhas entrevistas pola rúa a veciños e veciñas da Fonsagrada para logo, xa no IES, indagar sobre figura do homenaxeado a través deste programa. Iria e Jorge son os presentadores que dirixen o especial e contan cunha banda que toca o tema de Radio Océano: Narcisimo. É deste xeito como, a través dun marabilloso playback, a formación Radio Tsunmi, grupo de música montado para a ocasión, agasállanos cun extraordinario concerto do que da boa conta este programa. O tema pon música ao un poema de Lois:

Sigo os pasos do sangue no meu corpo
e coa unlla do meu dedo máis firme
abro un sulco vermello en media lúa
na vea que me acolle tan azul”

Aínda que non todos aparecemos no video como actores, moitos fomos os que participamos activamente na súa elaboración. En plástica, xunto coa profesora, encargámonos de facer os decorados do plató, confeccionando un mural enorme que serviría de fondo aos presentadores, no que sobresae o rostro en negro, sobre fondo vermello, do autor homenaxeado. Así mesmo, os alumnos do Fontem Albei debuxamos outros retratos de Lois e construímos un muro de papel no que escribimos poemas ou frases de Pereiro e tamén debuxos. Elaboramos tres glosters en internet que colgamos no noso blogue de OIE e unha liña do tempo xigante, con información da súa vida e obra, que hoxe decora o vestíbulo do instituto. E, como resultado, ninguén neste centro descoñece a día de hoxe a figura de Lois Pereiro.

Houbo voluntarios e voluntarias para ler os seus poemas e, ata Carolyn, a profesora de inglés chegada de Oregón, prestouse tamén a recitar. Memorable foi a actuación de Silbán lendo a Lois no medio dunha leira de nabos, con Carmen Simón e Rubén Pol como asesores, ou a de Pablo Viadé, interpretando o papel de Punset, como cientítico tolo especialista en colza, entre outras.

En definitiva, foi un traballo colaborativo, entretido e divertido, a través do que coñecemos de preto a Lois Pereiro, ata o punto de darnos a impresión de telo coñecido en persoa como alguén entrañable, sentindo a súa vida, as súas vivencias e os seus poemas case como nosos. Gustamos da súa música, das súas “pintas” e do seu xeito...cando menos diferente!