O vídeo sobre Lois Pereiro que presentamos ao III Certame de Cinema OUFF Escola, que ven de celebrarse este 17 de outubro na cidade de Ourense, alzouse co premio ao mellor guión. O dictame do xurado foi o seguinte: "Conta cun moi bo guión, orixinal, dinámico e ben documentado, o que demostra que detras dun bo documental precísase un importante traballo de guionización previo. Do mesmo xeito posúe unha coidada realización"
Unha representación do alumnado e do profesorado viaxamos ata a "Cidade das Burgas" para recollelo. A mostra deste ano, que se enmarcaba dentro da XVI Edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, pretendía segundo afirman os organizadores "impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre o seu contorno sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espíritu crítico".
Dende esta bitácora queremos darlle as grazas ao xurado que considerou que a nosa creación era digna de tal galardón e, por suposto, recoñecer que nos gusta que se premie o traballo laborioso e ben feito.