DA PROBA DE BURÓN a SAN PEDRO DE NEIRO
Sheila Mosteirín Fernández
Elisa Fernández Álvarez
¿POR QUE LUGARES PASA E CANTO TEMPO LEVA?
Esta ruta vai desde A Proba de Burón ata San Pedro de Neiro. Recorreremos ambas aldeas e San Pedro de Riba. Este tramo é de aproximadamente 8 kilómetros, polo que pode levar facelo toda a mañán e un pouco da tarde.
¿QUE SE NECESITA?
É necesario levar calzado cómodo para camiñar e unhas botas de auga para atravesar un tramo que está cheo de lama. Tamén unha mochila con un bocadillo e unha botella de auga dentro, para comer cando entre a fame.
¿QUEN PODE FACER ESTA RUTA?
Todo o mundo pode facer esta ruta, non hai ningún problema nin para nenos nin para persoas de idade avanzada, aínda que as persoas con algunha discapacidades física e os carriños para bebés non poderían recorrer o tramo dende a estrada ata a Proba de Burón.
DESCRIPCIÓN
Un autobús lévanos pola estrada ata a entrada do camiño de Santiago que pasa pola Proba de Burón. Camiñamos ata chegar ás primeiras casas do pobo.
Xa na aldea, vemos o río Rodil e dirixímonos ata o transformador da luz, onde xiramos á esquerda, entrando no barrio de O Milladoiro. Recorremos o tramo, onde vemos un dos hórreos de lousa, ata atopar un cruce, onde xiramos á dereita, atopando ao noso paso lavadoiros de roupa, a Casa das Casoas e o antigo Concello.
Rodeamos o edificio relixioso e saímos a un pequeno camiño de pedras que pasa ao lado da casa de Castro, onde se pode observar o último hórreo. Xiramos á esquerda, atopamos un cruce, e seguimos pola dereita onde se atopan as casas coas galerías, o castelo e outro hórreo de lousa.
Dende o seguinte cruce, xiramos á dereita e seguimos a estrada durante aproximadamente un kilómetro, encontrando no noso camiño a aldea de San Pedro de Riba. Na saída á estrada que se dirixe á Fonsagrada collemos á dereita ata atopar o pobo de San Pedro de Neiro, no que nos adentramos para ver a capela de San Benito.
Dende alí, imos por un camiño de terra ata os muíños de Rosario, transformados nunha casa de turismo rural. Damos a volta e saímos do pobo para ver un muíño que xa non está en funcionamento. Logo camiñamos ata A Fonsagrada pola estrada.
¿QUE PODEMOS VISITAR?
En A Proba de Burón atopamos:
- O Camiño Primitivo de Santiago, por onde pasou o rei Astur Alfonso II, “O Casto”, no século VIII, para ver os restos do apóstolo e onde atopamos unha fonte natural.
- Varios lavadeiros de roupa e abrebadeiros para os animais.
- A Torre do antigo Concello (A Proba de Burón foi capital do municipio ata o século XIX e comprendía o que agora é Negueira, A Fonsagrada e algunhas aldeas de Asturias e León. O concello pertencía á diócese de Oviedo).
- A Casa das Casoas, que era o antigo cárcere. Está adosado xunto coa Torre do Concello.
- A capela de San Xosé. Ten planta cadrada e o teito de lousa a dúas augas. No centro da fachada atópase o campanario. Da base del parten dous tramos curvos ata as esquinas da fachada, elemento típico do barroco.
Os muros do edificio teñen un gran grosor, de dúas follas de manposto de xisto, recheo de cachotes e morteiro de barro caleado.
- A igrexa de Santa María Madalena.
- A casa reitoral.
- Varias placas cos nomes das rúas.
- Dous antigos hórreos con teito de palla e xestas, e outros tres con teito de lousa.
- Algunhas casas con galerías brancas na súa fachada.
-O río Rodil.
En San Pedro de Neiro:
- A capela de San Benito.
- Un muíño que xa non está en funcionamento.
- Os muíños de Rosario transformados nunha casa de turismo rural.
- O río Seco.
En San Pedro celébrase o San Benito cunha misa. Algunhas persoas levan mesas, cadeiras e comidas. Temén fan unha comida despois do acto relixioso. Algúns anos tense contratado algunha orquestra para amenizar a noite.
Na Proba de Burón celébrase o día da Virxe do Carme, tamén cunha misa. Ademais, a mediados de agosto, os rapaces da aldea organizan unha comida para todo o pobo e para as persoas que non sexan de alí e que queiran ir. Para poder asistir a esta comida hai que pagar, pero merece a pena asistir, pois contrátase un acordeonista que toca case todo o día, a comida fana no momento e é sempre moi apetecible (normalmente paella de primeiro e churrasco de segundo).
ALGÚNS CONTOS DA ZONA
Había un home na Proba que tiña moito medo, polo que un amigo intentou quitarllo cun método moi orixinal. Subiuse a un salgueiro que se atopaba nun camiño estreito e con moita lama, vestido cunha saba branca e unha criba de trigo para tapar a cara, simulando que era unha pantasma.
Cando chegou o home que viña da Fonsagrada, a suposta pantasma díxolle ao home que se arrimase ben á parede e, tan pegado pasou debido ao medo que tiña, que rompeu os pantalóns pola parte de atrás. Nada máis atravesar esa parte, o pobre home marchou correndo para a casa, situada preto do camín, e colleu unha escopeta para matar a pantasma á que tanto medo lle tivera. O amigo tivo que dicirlle que era el para que non o matase. Ao final, a experiencia serviu para que o home perdese o medo
Había un home na Proba que sempre ía dicindo que vira os lobos, pero nunca era verdade.
Un día, atopouse con eles de verdade, concretamente, cunha loba e dous lobeznos. El levaba un paraugas e unha vara, co que conseguiu espantalos.Seguiu o seu camiño, pero os lobos atallaron por un prado e lograron collelo. O home, co medo e os nervios, botou a correr ata unha cantina que había preto de onde se atopaba.Aquel día, cando entrou no local e contou que vira os lobos, todo o mundo lle creu, pois víaselle tan nervioso, que era seguro que os tivera preto.
VÍDEO
http://www.youtube.com/watch?v=dQv-dEPsN9E&playnext=1&list=PL103466D8EF2539F3&index=6
PRESENTACIÓN EN PREZI
Sem comentários:
Enviar um comentário